Seguidores

lunes, 22 de agosto de 2011

Estupenda entrevista a Fernando Cobo.

Estupenda entrevista a Fernando Cobo realizada y publicada por La Voz de Galicia.
Enlace http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2011/08/22/0003_201108G22P8993.htm
 «Só se actúa se ocorre algo, cando realmente debería facerse antes»
Ten sido citado como un dos maiores expertos nos ríos galegos. Fernando Cobo, hidrobiólogo, profesor titular de Zooloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director da Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, en Vilagarcía, fala da riqueza fluvial de Galicia.
-É curioso que alguén dixese que Galicia era o país dos dez mil ríos e que a situación sexa a que é nalgún caso.
-Iso foi unha frase de Cunqueiro, que aí quedou, nunha frase. E oxalá non teñamos que dicir nun futuro que Galicia é o país dos dez mil ríos... estragados. No que a ríos respecta, temos un patrimonio que se pode equiparar ao marítimo. Trátase dunha riqueza incalculable. En Galicia temos especies únicas que teñen aquí os seus últimos refuxios, así que iso confírenos unha potencialidade altísima. Dende a USC xa levamos case 30 anos facendo advertencias nese sentido. Non obstante, a concienciación social e das Administracións está sendo lenta.
-¿Podemos dicir que a maioría dos ríos están contaminados?
-Non me gusta que se fagan xeralizacións, pero o que si que podemos dicir é que en Galicia temos unha rede fluvial moi profusa, e que moitísimos dos nosos ríos teñen, nalgúns dos seus puntos, problemas, ou ben de contaminación, ou ben de deterioro do seu hábitat, como consecuencia da actividade humana e dos atrancos que se poñen neles. Digamos que non temos casos cunha problemática moi importante de contaminación química, porque tampouco temos unha industria moi desenvolvida, pero o que si temos é unha contaminación de tipo urbano, con déficit de saneamento, condicións que se agravan no verán. Temos tamén problemas de contaminación secundaria, que é unha resposta do ecosistema a toda esa actividade humana, como pode ser a proliferación de certas bacterias, algo do que ultimamente se está falando moito [como sucede en el embalse de As Conchas].
-¿E que se podería facer?
-Traballar con máis sensibilidade. A conservación dos nosos ríos está sendo reactiva, é dicir, que só se actúa cando hai un problema ambiental, se ocorre algo, cando realmente debería facerse antes. O ideal sería que a conservación fose proactiva, que saíse da sensibilidade xeral da xente. Pero estamos vendo que na limpeza de calquera río aparecen toneladas de lixo, produto de condutas aberrantes e carentes de civismo. Din que é un problema de educación, pero estamos no século XXI...
-¿Hai esperanza?
-Claro. Temos os problemas que teñen os países desenvolvidos, e o que hai que procurar é concienciarse de que, cando alteramos os ríos, estamos estragando algo de máis valor que o que conseguiremos coa actividade económica que se acometa Os custes ambientais son moito maiores, e os ríos son para Galicia unha seña de identidade. Non hai cousa que modele máis a paisaxe que os cauces fluviais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario