Un novo método mellora a repoboación de troitas en augas doces e tamén salgadas.
Identifica novas metodoloxías para o aumento da supervivencia desta especie en auga salobre e oceánica.
Pese a que a cultura pesqueira da troita está moi arraigada en todo o Norte da península Ibérica algún dos aspectos do seu ciclo biolóxico permanecen descoñecidos. Entre as cuestións que pasan máis desapercibidas está o feito de que, ao igual que o salmón, pode migrar ao mar, e este é un aspecto clave na posta en marcha de programas de conservación. Neste aspecto centrou a súa tese de doutoramento o investigador do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía, Francisco Marco Ríus, unha investigación cuxa principal achega é o desenvolvemento dun programa de repoboación óptimo, capaz, entre outros aspectos, de determinar a cantidade exacta de individuos a repoboar, mellorar os resultados de supervivencia e reducir ao máximo os custes do repoboamento.
“Este protocolo baséase en factores facilmente manexables polos órganos de xestión”, subliña o investigador, galardoado co Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade de Vigo, ao tempo que explica que o novo método está baseado no estudo dos trazos observables na piscifactoría: o tamaño dos ovos da femia e o fenotipo do pai usado no cruce, o que fai que os programas de conservación que se poñan en marcha precisen requirimentos especiais no laboratorio.
Ao comparar distintos métodos de repoboación durante a realización da tese, dirixida pola profesora Paloma Morán, identificouse o estadio óptimo para ditas repoboacións, “co que se axuda tamén a maximizar os esforzos realizados sobre a cría en catividade, tratando de diminuír mortalidades á vez que se tratou de aumentar a migración dos individuos”, engadiu Marco Ríus, quen durante a realización da súa tese de doutoramento escribiu cinco artigos en revistas indexadas no SCI, todos eles relacionados con cuestións xenéticas e ecolóxicas das troitas.
Identificar a cantidade óptima a repoboar, a clave do éxito.
Desde o punto de vista relacionado co coñecemento das poboacións existentes en Galicia e os cambios producidos ao longo dos últimos anos o autor da tese desenvolveu unha técnica nova baseada na análise de escamas xunto cunha innovadora análise estatística. Isto permitiulle saber como foron cambiando as poboacións ao longo do tempo e, sobre todo, como a relación entre a talla dos individuos vai cambiando en función da súa abundancia, un aspecto que resulta vital para a creación de programas de repoboamento, xa que estes deben estar baseados na capacidade de carga do río onde se soltan os individuos.
“A análise da poboación previa á repoboación de individuos vai permitir economizar os recursos na piscifactoría, no senso de non criar máis do debido”, subliña o investigador, quen tamén recalca que ao tempo se minimiza tamén a influencia destes sobre as poboacións salvaxes, que deben ser molestadas o menos posible. “A clave para potenciar as supervivencias e lograr que as migracións sexan adecuadas en cada río é introducir os individuos xustos”, recalcou o investigador.
Novas metodoloxías para o aumento da supervivencia en auga salgada.
Na súa tese de doutoramento o investigador achega tamén solucións para a cría de troitas en cautividade baseadas nos estudos da interacción entre análises relacionados cos xenes, e que poden ser influenciados por aspectos externos como a dieta ou a temperatura, e factores ambientais. Concretamente, identificáronse e cuantificáronse os cambios que unha dieta rica en sal provoca nas branquias das troitas e cos resultados obtidos foi posible establecer un protocolo de alimentación óptimo dirixido a minimizar o estrés na auga do mar que se produce ao inicio da migración.
O estudo do estrés na auga salgada demostrou unha supervivencia superior dos individuos alimentados con dietas enriquecidas en sal ao ser traspasados á auga de mar. “Esta mellora na adaptación debe agora ser explorada co obxectivo de investigar que xenes en particular se activan ou desactivan por axentes externos como as dietas enriquecidas”, subliña o autor da tese, quen tamén fai fincapé en que isto permitiría criar troitas en condicións óptimas que faciliten a supervivencia durante os cambios de salinidade. Ao seu xuízo, isto influiría tamén nas estratexias de repoboamento, xa que se poderían substituír as repoboacións en ríos por repoboacións en augas salobres ou mesmo en auga oceánica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario